Xa falamos da placa base e do procesador, que eran os elementos que organizaban todas as tarefas do noso computador. Estes directores de orquestra necesitan de sitios onde gardar todos os seus datos, estes son os discos duros, pero son excesivamente lentos para usalos mentres estamos usando un procesador de textos, un xogo ou vendo unha película. Os datos que están sendo usados directamente polo procesador gardámolos temporalmente na memoria RAM, ou máis correctamente na memoria principal.
RAM significa memoria de acceso aleatorio (Random Access Memory), en contraposición con outros tipos de memorias que son de acceso secuencial, é ademais unha memoria volátil, xa que borra o seu contido ao apagar o computador. A súa tarefa principal é almacenar todos os datos necesarios para a execución dos programas do noso computador, ademais de servir de ponte cos dispositivos de almacenamento masivos e non volátiles.
Nestas memorias distinguimos dous tipos principais: Estáticas (SRAM) e Dinámicas (DRAM). Nas estáticas, o dato é consistente e non se borra se se fai unha lectura do mesmo. Por contra, nas dinámicas, o feito de ler un dato fai que este se borre, polo que haberá que volver gardalo tras unha lectura. Comparando ambas as tecnoloxías atopamos que as SRAM son máis caras, máis rápidas e máis grandes en tamaño. É por isto que nos módulos de memoria principal do noso computador atopámonos sempre co tipo DRAM, no que nun mesmo espazo físico podemos ter moita máis cantidade de memoria, ademais de que a súa produción é bastante máis económica. Doutra banda, como ponte entre o procesador e a memoria principal, atopámonos cun módulo intermedio de SRAM: a memoria caché, que serve para acelerar o proceso de acceso aos datos da memoria principal (xerarquía de memoria).
Ata chegar ás actuais memorias DDR-SDRAM, seguiuse un camiño cheo de melloras, non só tecnolóxicas se non tamén arquitecturais. A primeira mellora é a FPM-RAM, que favorecía o acceso a datos próximos ao consultado. Seguindo esta filosofía temos a EDO-RAM, que nunha mesma lectura envía varios datos á vez, aínda que esta memoria e a súa evolución directa BEDO-RAM, tiñan na súa contra non poder pasar dos 66Mhz.
A actual familia de memorias SDRAM, teñen a súa maior particularidade en que están sincronizadas á velocidade do sistema, fixada na placa basee. A súa primeira versión foi a SDR-SDRAM, que chegou a ser quen de ofrecer 1GB por segundo de datos. A familia de memorias DDR-SDRAM conseguiu enviar o dobre de datos, aproveitando os ciclos de reloxo ao completo. Polo momento son capaces de ofrecer ata 6,4 GB de datos por segundo coa súa última versión: DDR3.
Publicado pola Asociación SIL en:
http://www.elcorreogallego.es/indexSuplementos.php?idMenu=18&idNoticia=257567
No hay comentarios:
Publicar un comentario